O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reclamoulle á Xunta apoio financeiro para os pequenos concellos, que están “afogados” polo impacto da crise e o abandono do goberno galego. Así o dixo durante unha visita ao concello de Oroso, onde mantivo un encontro co seu alcalde, Luis Rey, e onde se comprometeu a levar ao Parlamento as principais demandas do Concello.
O responsable socialista reclamou axuda, “cando chegan ao goberno galego máis de 1.000 millóns de euros adicionais” das axudas pola crise do coronavirus. Sinalou que o apoio ás administracións locais debe ser prioritario na acción do goberno, e reclamou “investimentos e unha aposta clara pola sanidade e a educación públicas”.
Gonzalo Caballero sinalou en concreto ao retroceso na aposta pola sanidade pública por parte do goberno do PP, que “afecta a moitos concellos de Galicia, sinaladamente aos máis pequenos”. Así, reclamou un esforzo para a contratación de persoal en condicións laborais estables e frear así o éxodo de profesionais.
