- O líder dos socialistas galegos esixe á Xunta que se comprometa na liberalización de peaxes nas autoestradas autonómicas como “corresponsabilidade” coa rebaixa “histórica” da AP-9 que fai o Estado.
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reclamoulle este xoves ao presidente Feijóo que rebaixe as “excesivas” peaxes das autoestradas competencia da Xunta, en particular a da AG-55 entre A Coruña e Carballo. Subliñou que o goberno galego conta con “fondos e competencias para tomar esta decisión, que é un agravio e un gravame que dificulta o transporte da cidadanía pola cornisa noroeste da nosa Comunidade”.
Caballero mantivo unha xuntanza cos representantes políticos do PSdeG de Bergantiños e Costa da Morte, aos que anunciou unha batería de iniciativas parlamentarias para darlle á Xunta un prazo de 6 meses para presentar un estudo sobre a liberalización das peaxes autonómicas e abordar unhas rebaixas que cheguen a todos os cidadáns.
Esixiulle ao presidente da Xunta “corresponsabilidade” coa rebaixa “histórica” da AP-9 liderada polo goberno de Pedro Sánchez, e emprazou a Feijóo a “colaborar para rebaixar a peaxe nas vías que son de competencia autonómica”. Advertiu de que a Xunta “deixou de facer inversións e avances en materia de infraestruturas ao longo dos últimos anos”.
“Non podemos permitir que o goberno da Xunta deixe de apostar polo territorio, polo transporte e a mobilidade e manteña gravames excesivos”, dixo, e sinalou que «hai que traballar cara un modelo no que cada galego e galega poidan moverse por tódalas vías do país independentemente do seu nivel de renda”. Subliñou que “é necesario que Feijóo, ademais de estar sempre queixándose, faga cousas por Galicia e tamén por Carballo e as comarcas de Bergantiños e Costa da Morte”.
Respondeu así da “demanda histórica” para avanzar cara á liberalización da peaxe entre A Coruña e Carballo que demandou tamén a portavoz socialista en Carballo, Mari Carmen Vila, que lembrou ademais que “seguimos pendentes da variante de Carballo, da que non sabemos nada”. Vila acudiu ao encontro co líder do PSdeG xunto cos representantes institucionais e orgánicos da comarca.