Gonzalo Caballero reclama “mellorar os servizos públicos e impulsar a reactivación”


Nunha comparecencia en Santiago -acompañado do alcalde, Xosé Sánchez Bugallo-, Caballero alertou de que “non podemos seguir na deriva de retroceso nos servizos públicos porque a Xunta ten fondos e os galegos e galegas necesitamos máis sanidade, máis educación e reactivar a economía do país”. Como mostra, instou á Xunta a mellorar a sanidade pública despois de que o Colexio de Médicos de Pontevedra denunciase pola vía penal a directivos sanitarios ante a saturación na Atención Primaria.

O líder socialista incidiu en que “estas semanas que veñen por diante imos ter moitos retos e temos que estar á altura do que Galicia precisa”. Nese obxectivo, o secretario xeral do PSdeG lembrou que “o que preocupa aos cidadáns agora mesmo son dúas cousas: Por unha banda, a vacinación fronte ao virus e a sanidade e, por outra, a reactivación económica para conseguir darlle ás familias posibilidades de futuro”.