O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reclamoulle ao presidente da Xunta que tome “medidas para evitar a exclusión financeira e garanta a igualdade de oportunidades dos galegos e galegas dos concellos pequenos”. Así o dixo logo de manter un encontro con 14 alcaldes, alcaldesas e portavoces socialistas en concellos afectados polo peche de oficinas, entre os que estaban os rexedores e rexedoras de Vimianzo, A Baña ou Dumbría.
O líder socialista requiriu a Feijóo que “abandone a súa escalada de escapismo e de botar balóns fóra” e que “tome todas as medidas necesarias para paralizar o peche de oficinas bancarias” que se ten agravado nos últimos meses. Deixou claro que “non seremos cómplices” desta situación, mentres o goberno galego utiliza un acordo con entidades bancarias para instalar caixeiros automáticos a cambio de tres millóns de euros das arcas públicas.
A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, puxo o acento na dificultade da poboación maior para adaptarse á banca electrónica, sinaladamente en concellos onde o despregue da conexión dixital “non está ao cen por cen”. Tamén criticou as restricións horarias na atención bancaria, hábil tan só “para os poucos privilexiados que poden achegarse á oficina de 9 a 11”, nunhas sucursais conxestionadas por atender aos concellos limítrofes que quedaron sen servizo financeiro.
O alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño, considerou “o colmo” que no seu concello pechase unha sucursal e que esta situación é a consecuencia “de facer desaparecer” as antiguas caixas galegas para “convertelas nun banco”, afastándose así das necesidades os galegos e galegas.