O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, presentou a campaña ‘Galicia, futuro verde’ na que desgranou “os 12 aspectos fundamentais” para construír “un país sostible” que contribúa á loita contra o cambio climático. Avogou por “un gran pacto galego verde” con todos os axentes económicos e sociais, as forzas políticas e as administracións públicas para que “a Galicia do futuro teña un claro compromiso co medio e coa sostibilidade”. Sen caer no “ecopostureo”, subliñou o responsable do PSdeG, cómpre “protexer a biodiversidade e traballar por cidades con máis espazos naturais e, por tanto, con máis calidade de vida”. E non se esqueceu da importancia de construír unha “transición ecolóxica xusta”, que combine “a aposta polo emprego e o desenvolvemento económico” coa desaparición das industrias máis contaminantes, permitindo así “unha redución de emisións” que leve a Galicia a avanzar cara a “neutralidade climática” tendo en conta o horizonte máximo establecido para o ano 2050. Gonzalo Caballero reclamou que Galicia se sume á declaración de emerxencia climática que xa teñen asinado practicamente todas as comunidades, tal e como se aprobou xa en 2019 no Parlamento galego. Ademais, apostou por desenvolver unha lei galega de cambio climático, cando xa o goberno de España aprobou a súa normativa e cando agora saen adiante tamén noutras autonomías.
41