Gonzalo Caballero reivindicou na Costa da Morte ‘a forza da militancia’ para a Galicia post-covid

Cedida.

O líder dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, desprazouse este venres ata a Costa da Morte para manter encontros coa militancia socialista de Cee, Vimianzo e Camariñas.

Dende alí, reivindicou “a forza da militancia para seguir fortalecendo o proxecto socialista de Galicia” e dar así “unha alternativa de progreso para os galegos e as galegas”.

Caballero sinalou que “retirar a referencia política do PSdeG cada catro anos é o mellor regalo que se lle pode facer ao PP e ao BNG” en termos electorais.

Fronte a iso, agradeceu o “apoio crecente” que está recibindo da militancia a “un proxecto que ten como único obxectivo que o PSdeG siga avanzando”.

“A militancia sabe que non hai merlos brancos e que a única fórmula para gañar as eleccións é traballo, lealdade e esquerda”, concluíu.

O PSdeG poscovid

Ao fío diso, Gonzalo Caballero avanzou que incorporará novos compañeiros e compañeiras nos órganos dunha dirección “renovada e reforzada” para o PSdeG poscovid.

Como indicou, incluirá referentes do eido municipal e mesturará persoas con experiencia e aires novos, así como perfís con conexión coa sociedade civil.