Gonzalo Caballero sinala que “Feijóo xa sabe que ten un pé fora da Xunta”


O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, atribuíu este venres “os malabarismos” de Feijóo a que “xa sabe que ten un pé fóra da Xunta”, porque “o tempo das maiorías absolutas rematou”. “Os galegos terán que optar entre pór á cidadanía no primeiro plano ou abocar ao país a estar baixo o control político da dereita e da ultradereita”, formulou.

Neste escenario, o líder dos socialistas galegos comprometeu traballo para “barrer a Feijóo e retiralo” da Xunta neste 2020. Así é que, como dixo, o presidente do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, xa está coordinando a elaboración do programa electoral ao tempo que se puxo en marcha IdeaGaliciaLab. Dentro dunha campaña que será “de alta intensidade”, Gonzalo Caballero avanzou que visitará todas as bisbarras galegas “con carácter inmediato”, para “estar en contacto coa nova Galicia que quere cambio”.

Sobre todo, como evidenciou o candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, ante “a inacción e a falla de compromiso” de Feijóo, quen carece de “solucións ou ideas” para afrontar os problemas de Galicia como o reto demográfico, a crise industrial e as dificultades dos servizos públicos. “Nós temos un proxecto dinamizador e con garantías no que estará cómoda a maioría dos galegos”, asegurou, xa que “gobernamos en máis de cen concellos, en cinco das sete cidades e en tres das catro deputacións”.

Ao fío desa “indolencia” coas necesidades de Galicia, Gonzalo Caballero citou o exemplo do peche do paridoiro de Verín como “a punta do iceberg dos recortes”, e lamentou que Feijóo “siga impasible” mentres milleiros de persoas saen á rúa para reclamar o fin destas políticas. “Pedímoslle que rectificase e que destituíse aos responsables políticos da decisión, pero é imposible que Feijóo atenda xa as necesidades da sanidade pública”, subliñou.

Así as cousas, tras prometer que un goberno progresista na Xunta “rectificará” esa medida, posto que o paridoiro de Verín funcionaba “con seguridade”, o máximo dirixente do PSdeG sinalou que “só unha labazada electoral” ao PP de Feijóo por parte dunha maioría social progresista fará que “cambien” estas políticas de recortes e de falla de aposta polos servizos públicos.