- Cando falta apenas un ano para os comicios autonómicos, Gonzalo Caballero advertiu a Feijóo de que pode convocar as eleccións “cando queira”, porque será o PSdeG o que marque “a apertura dun novo tempo político”.
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, participou este sábado nun mitin en Vigo xunto co presidente do goberno en funcións, Pedro Sánchez, sinalou que “o único voto útil” de cara ás eleccións xerais do 10 de novembro “é o voto ao PSOE”.
“É o único voto útil para os que cremos na sanidade pública, no sistema público de pensións, na educación pública, na dependencia, nos dereitos das mulleres e na modernización do país”, enfatizou o líder dos socialistas galegos, quen reivindicou a defensa dos “avances” e dos “dereitos fundamentais” da man do PSOE.
Así é que Gonzalo Caballero chamou a facer fronte á “coalición de retroceso” que supón a unión da dereita e a ultradereita, e apelou a traballar por “unha mobilización masiva”. “A abstención só beneficia á dereita”, recalcou, e pediu “compromiso co futuro da España que queremos” reforzando o goberno de Pedro Sánchez.
E é que, precisamente, apuntou, iso é o que está en xogo. “Xogámonos se o país segue na senda de avance e progreso, na senda da modernización, ou se entra unha coalición de retroceso que quere levar o país a décadas atrás”, incidiu o máximo dirixente do PSdeG, consciente de que “o problema non é votar por segunda vez”.
“Temos que recuperar toda a forza, a ilusión e a defensa férrea dos principios que representamos os e as socialistas”, arengou Gonzalo Caballero, quen contrastou a etapa de prosperidade de Pedro Sánchez á fronte do goberno de España cos sete anos de goberno de Mariano Rajoy.