Gonzalo Caballero | “Temos un presidente illado en Monte Pío”


O portavoz do Grupo Socialista, Gonzalo Caballero, alertou fronte á política económica “desnortada” do goberno galego, e reclamou a Feijóo que centre o esforzo da Xunta no reforzo dos servizos públicos, a modernización da economía e a xeración de emprego de calidade.

Logo da aprobación das contas galegas polo Consello da Xunta, Gonzalo Caballero subliñou que “necesitamos políticas económicas expansivas, keynesianas e anticíclicas” que permitan impulsar o consumo, estimular o investimento e reactivar o crecemento económico para “consolidar unha saída robusta da crise provocada polo coronavirus”.

Caballero criticou, “temos un presidente illado en Monte Pío, alleo á agonía de milleiros de galegos e galegas que cada ano se sitúan en risco de exclusión ou teñen que emigrar na busca de traballos dignos para desenvolver os seus proxectos vitais”. “Feijóo -engadiu- continúa na súa Arcadia feliz, mentres milleiros de galegos e galegas o están a pasar mal, orfos dun goberno sen rumbo, e que non atende as súas necesidades”.