Gonzalo Caballero urxe “reforzar” o sistema sanitario galego

dpm.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, chamou á Xunta a “reforzar” o sistema público de saúde ante os casos de “contaxio masivo” de coronavirus que se produciron en residencias de maiores, onde hai xa máis de 450 afectados. “É unha situación que nos preocupa moito”, sinalou.

Nunha comparecencia telemática ante os medios de comunicación, o líder dos socialistas galegos pediu “un plan urxente” de atención sanitaria e social que supoña incrementar o persoal, o material e as infraestruturas nestes dous eidos, ambos competencia da Xunta. Ademais de desenvolver medidas no eido económico que, dende a administración autonómica, acompañen a iniciativa do goberno de España, tal e como están facendo os concellos e as deputacións, que están dispoñendo xa axudas para comida e fármacos para a poboación con dificultades.