Gonzalo Caballero ve a Feijóo “en pánico” electoral


O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, amosou este luns a súa “perplexidade” polo feito de que Feijóo estea “facendo o xogo” á ultradereita na súa estratexia de “boicot” á formación do goberno en España. “Só Feijóo e Vox queren terceiras eleccións”, evidenciou.

Tralas declaracións de Feijóo avogando por unha nova repetición dos comicios, o líder dos socialistas galegos sinalou que “a súa irresponsabilidade é inadmisible”; unha cuestión que atribuíu ao seu “pánico electoral” ante as eleccións autonómicas. “Recibiu tres suspensos electorais evidentes este ano e agora ten pánico a 2020”, recalcou.

Só así se explica, proseguiu Gonzalo Caballero, a falla de “rumbo, orientación e sentido político” que amosa Feijóo con esas declaracións. “Fala de centralidade política, pero xoga a ser un axente desestabilizador do sistema”, reprobou.

Sobre todo, como dixo o máximo dirixente do PSdeG, porque “a maioría dos galegos, e dos españois, votou dúas veces polas forzas progresistas”, co que rexeitou o interese de Feijóo en que “Vox poida gobernar España co PP”. “Non representa a vontade da maioría dos galegos”, subliñou.

Fronte a isto, Gonzalo Caballero apelou a que se constitúa o goberno “para seguir avanzando”. “En Galicia convén que haxa un goberno progresista, fronte a unhas dereitas e unha ultradereita que pon en risco o estado do benestar e o estado autonómico”, remachou.