- Destaca o Plan Único, a conversión dos bombeiros en servizo público e a transformación das áreas de Cultura e Lingua
A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación, Goretti Sanmartín Rei, anuncia que non formará parte do pleno e o goberno da institución no próximo mandato e fai un balance positivo de catro anos de traballo que transformaron a institución, eliminando o clientelismo e apostando por un modelo de xestión transparente e democrático. Goretti Sanmatín dedicarase integramente á política municipal no Concello de Santiago de Compostela.
As primeiras palabras de Goretti Sanmartín Rei foron dedicadas á deputada Ánxela Franco, recentemente falecida, quen dicía que «non pode ser que pasen catro anos sen que se note o noso paso pola institución». Foi o inicio dunha intervención na que a ata agora vicepresidenta e responsábel das áreas de Cultura e Lingua da Deputación da Coruña aproveitou para facer balance de catro anos de goberno nos que destacou, de maneira especial, a aplicación do Plan Único que significou un reparto transparente e con criterios obxectivos e maior autonomía dos concellos, e a conversión en público do Servizo de Emerxencias. Avanzou tamén que deixa na Deputación as bases postas para a presentación da demanda para recuperar os Pazos de Meirás e mostrou o seu convencimento de que «a demanda se ten que presentar proximamente»
Na súa intervención, Goretti Sanmartín anunciou que, en diante, a súa prioridade política será o traballo municipal en Santiago de Compostela á que dedicará «o cen por cen» da súa enerxía polo que non repetirá como deputada provincial nin como membro do goberno da institución.