Dende Afaber, Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Bergantiños, comunican que están moi contentos/as da gran acollida que tivo a presentación do libro “Azlheimer de lirbo” do autor carballés José Manuel Pérez Pena que tivo lugar o pasado venres 23 de maio na Biblioteca Rego da Balsa. Ademais de numerosos veciños e veciñas do concello carballés e familiares de persoas afectadas, tamén acudiron o alcalde da vila, Evencio Ferrero e o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira Varela.
O libro foi froito da convivencia do autor e da súa familia coa enfermidade de Alzheimer. Nel aparecen textos e imaxes que conforman o exemplar: relatografías, fotohaikus, así como unha selección de entradas do diario que, a xeito de terapia, levou durante o tempo que durou a enfermidade da súa proxenitora, e que ten como obxectivo contribuír a dar visibilidade á enfermidade de Alzheimer e ás demencias en xeral.
A publicación foi posible grazas ao apoio da Deputación da Coruña e o importe íntegro do recadado coa súa venda irá destinado a Afaber.
Tras o éxito de venda xa experimentado na súa presentación, o libro estará dispoñible a partir desta semana no local da entidade (Lugar Mirón nº24 – baixo, Bértoa) a un prezo de 15€ unidade.
Para máis información poden poñerse en contacto con Afaber mediante os números de teléfono 981 75 85 45 e 625 980 691.