Gran acollida da VIII edición do Festival de Variétés no Pazo da Cultura de Carballo


Un ano máis Ana Cancela, presidenta do Comité de Irmanamento carballés, e Max Souto guiaron a presentación do VIII Festival de Variétés organizado pola Asociación de Irmamento con L´Isle Jourdain en colaboración co Concello de Carballo.

Despois de 3 anos en standby por mor do Covid ao redor de medio cento de alumnos e alumnas de varios centros educativos de Carballo volveron a encher o auditorio do Pazo da Cultura carballés para compartir o seu talento sobre un escenario ambientado na francofonía e nesta ocasión ademais cun toque carnavalesco.

O acto abriuse cun acústico do “Himno Occitano” e “La Pavane” unha das obras máis coñecidas do destacado compositor francés Gabriel Fauré. Con esta espectacular interpretación musical os alumnos/as do CMUS guiados polo seu profesor Daniel Novo marabillaron á audiencia.

O público tamén vibrou dende a súas butacas con grandes aplausos e ovación polas actuacións do alumnado do IES Isidro Parga Pondal e do Centro Artai que encheron o escenario con sensacionais composicións coreográficas fusionando diferentes xéneros musicais.

Nesta ocasión o alumnado do Centro Aspaber sorprendeu cunha obra audiovisual parodiando o programa da TVG “Dígocho eu” en versión francesa. O acto clausurouse con agradecementos a todas as persoas e institucións que colaboran para dar cabida a esta actividade cultural, coa entrega de diplomas aos representantes dos centros educativos e coa invitación de reencontrarse na IX edición do Festival que terá lugar en 2024.

Este sábado tamén tivo lugar o encontro mensual en liña con L´Isle Jourdain. Baixo o formato de “Obradoiro lingüístico” a temática deste mes versou sobre a lingua de signos como outra forma de comunicar. Miriam Aller – intérprete e docente de lingua de signos – desmantelou os esteriotipos sobre as persoas xordas e desvelou aos participantes por que a lingua de signos non é universal. Os participantes coñeceron os beneficios de aprender lingua de signos e divertíronse aprendendo vocabulario de entroido. A dinámica rematou cun diálogo en francés/español sobre a experiencia entre os lilois e os carballeses.

Os próximos encontros culturais deste mes terán lugar na Biblioteca Rego da Balsa coa Biblio Conversa e o Club de Lectura Francófona o 24 e 25 de febreiro respectivamente e estarán coordinados por Ana Rosa Juárez – tradutora e intérprete de lingua francesa e vicepresidenta do Comité carballés. Para máis información poden contactar no teléfono 652 14 19 80.