Gran afluencia a aula lúdica municipal da Laracha

Aula lúdica. Foto.- Arquivo.

Actualmente son un total de máis de 160 os rapaces matriculados como usuarios da aula lúdica, estando totalmente cuberto o cupo de prazas dispoñibles.
Durante o mes de xullo están a acudir unha media duns oitenta nenos cada día ás instalacións do CEIP Ramón Otero Pedrayo, lugar ao que se trasladou o servizo na época estival xa que ofrece máis espazos e novas posibilidades para organizar actividades.
Durante cada xornada os rapaces están en todo momento atendidos por persoal especializado e divididos en catro grupos de idade para realizar simultaneamente diversas actividades didácticas e educativas centradas na arte, o deporte, o xogo libre, a natureza e a sostenibilidade. A programación realízase en consenso polo propio persoal a cargo deste servizo municipal e o Centro de Información ás Mulleres (CIM) da Laracha, polo que tamén se traballan valores como as boas condutas e a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.
Este servizo préstase a través do programa Harmoniza –cofinanciado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo- e é unha das principais medidas do Concello da Laracha dirixidas ao apoio da vida persoal e laboral das familias con nenos ao seu cargo. O servizo de aula lúdica está en funcionamento de luns a venres, de 9:00 a 14:00 horas durante os meses de verán e non ten custo algún para os seus usuarios. Cando se inicie o curso escolar, recuperarase o horario de tarde habitual e tamén regresarase ás instalación do edificio de servizos múltiples.