Centenares de persoas abarrotaron en Carballo a verbena organizada pola comisión de festas de O Chorís. A orquestra Marbella amenizou a velada cun gran espectáculo musical e visual.
Ponteceso, en concreto o lugar da Trabe, en Tella, non houbo substitución na comisión, pero dúas empresas presentaron as súas propostas ao Concello e fóronlle denegadas por, segundo versión municipal, «contar con graves carencias».
A opinión dos organizadores non é a mesma, e as reaccións non se fixeron esperar. Tachan ao alcalde de utilizar prácticas mafiosas, asegurando que trasladou á veciñanza e a empresas contratadas expresións como «son ou alcalde de Ponteceso e a praza e miña», «teño un as na manga», «polos meus ovos que non hai Pilarica» etc.
En calquera caso, as normas son para cumprir, pero os prexudicados son sempre os mesmos, pequenas empresas que venden, mercadoría, bebida, xeo, comida, ou mesmo os músicos e artistas, montadores de carpas, etc. Polo que se debe de reflexionar e aparcar o termo de senón estás comigo estás en contra miña. O exemplo non é nada alentador, menos nos tempos que nos tocou vivir.
A organización emitiu un comunicado que reproducimos íntegramente.
«Despois de esgotar todas as vías burocráticas e de achegar toda a documentación que nos esixe a Lei de Espectáculos de Galicia, recibimos un informe coa non autorización da festa que tiñamos organizada para este martes na Trabe, Tella, Ponteceso, baseándose na suposta existencia doutra declaración responsable, da cal non temos constancia xa que non existe ningún cartel anunciador da festa á parte do elaborado por nós, feito indispensable para a elaboración da memoria técnica esixida polo concello para informar dun evento como autorizable. Con isto queremos dicir que nos vemos no deber de cancelar a festa e tamén anunciamos que imos tomar as accións legais correspondentes xa que os nosos asesores fannos chegar a existencia de irregularidades que non se acollen a dereito. Para finalizar queremos dicir que temos a conciencia moi tranquila porque sabemos que fixemos as cousas ben e ao mesmo tempo tamén pedir desculpas a todas as persoas que se poidan ver afectadas por esta decisión».