No inicio da II guerra mundial, Alemaña conseguiu apropiarse de gran parte de Europa grazas á utilización da blitzkrieg (guerra lóstrego) coa que conseguía sorprender ao inimigo coa concentración de armas ofensivas nunha fronte angosta. Tanques, artillería e avións, en perfecta combinación, conseguían acabar nun curto período de tempo coa resistencia de exércitos ben preparados e pertrechados.
Desta bélica maneira, pero con modos e obxectivos distintos, nun viaxe lóstrego, de curta duración pero moi intenso, partían o luns 24 de febreiro desde Santiago de Compostela, 19 troyanos coa cruz de Santiago na capa e a súa bolsa cor granate Fonseca no peito, con destino a Madrid. Substituíndo os avións Masserscmitt da Luftwaffe polos trinos suaves e delicados de laúdes e mandolinas, a forza atronadora dos tanques Panzer pola consistencia da percusión, gaita e acordeón, así como a eficacia da soldadesca da Wehrmacht polos latentes e rítmicos bordóns das guitarras, nunha harmonía e atmosfera envolvente que xeraba súbita maxia. Todo iso aderezado coa gran calidade vocal dos solistas, ben acompañados polas empastadas voces dos coros troyanos. O obxectivo era render os corazóns de Madrid, con música, con amor, con galeguidade e bo gusto, en contraposición aos valores da ignominia da inxusta guerra que arrasou o mundo enteiro entre 1939 e 1945, nunha irónica contraposición e inimaxinable comparativa. Parafraseando a Lugín, nunha miserere absurda.
A efeméride tiña lugar na delegación que a Xunta de Galicia ten na capital de España, no marco do acto de concesión do premio José Antonio García Reneses aos valores da tuna, polo respecto e traballo pola conservación e promoción do patrimonio cultural da nosa irmandade universitaria e como homenaxe a Pérez Lugín, no 150 aniversario do seu nacemento.
Previamente proxectábase o documental, A Compostela da Casa da Troia, protagonizado por Suso Martínez, dando vida á moi troyana figura do espectro de Manuel Casas, escritor, xornalista e por tres veces alcalde da Coruña, quen na noite de defuntos móstralle a Xaime, un neno de hoxe en día, como era a Compostela en tempos da mítica novela (fins do s. XIX, principios do s. XX).
A continuación, Benigno Amor, Vicepresidente do Padroado Casa da Troia, recollía de mans de Francisco Javier Sánchez o premio José Antonio García Reneses, con gran emoción e alegría.
Posteriormente chegou a quenda dos discursos, onde diferentes personalidades moi vinculadas coa tuna e o seu mundo, glosaron sobre os valores universitarios da mesma, centrándose no exemplo que Santiago e a Casa da Troia achegan co seu particular universo luginiano.
Finalmente tivo lugar o esperado concerto de Troyanos de Compostela, onde o grupo musical constituído polos membros da Asociación de antigos tunos composteláns, faría un repaso das músicas que soaban en Compostela no tempo da novela. Unha serie de temas circunscritos ao CD Viva Galicia, de recente creación, os cales soaron con mestría e solvencia artística: Santiago, Lela, No Pórtico da Gloria, Tuna Compostelá, A Alfonsina, Unha noite na eira do trigo, Os teus ollos, Abaixo Samoeiro e Foliada do Rueiro, fixeron as delicias dos aproximadamente 225 asistentes. Todo iso ornamentado coa participación de Suso Martínez, quen ataviado como o espectro troyano do documental, exerceu de Cicerone, explicando os pormenores e peculiaridades das músicas, as súas razóns e características, a máis diso unha infinidade de anécdotas e explicacións históricas, interesantes, divertidas e amenas. Un personaxe sinxelamente xenial, cunha capacidade de xerar expectación e crear unha atmosfera máxica e envolvente, ao alcance de moi poucos. Máis propia de meigas, que de seres terreais.

Recentemente acabado o concerto e tras o aplauso unánime da animosa concorrencia produciuse o momento máis entrañable da velada, cando Amancio Prada, a pedimento de Benigno Amor, non só interpretou unha canción exquisita:” Nasin cand´as prantas nasen, non mes dás froles nasin…”senón tamén dedicou ao grupo unhas elogiosas e sentidas palabras, regalándonos a gabanza dun xenio, ao apostilar que dos numerosos actos aos que asistira na madrileña Casa de Galicia, este era o que máis lle conseguiu emocionar, o que máis gozara, a máis diso encomiar a sonoridade e harmonía de voces e instrumentos.
A pedimento do público, acabou o concerto cun bis onde se interpretou Fonseca. Contando coa colaboración de todos aqueles de entre os asistentes que fosen portadores da bolsa dalgunha tuna, quenes foron convidados a compartir escenario para cantar a última canción.
Con posterioridade ao evento, Troyanos de Compostela desprazouse a Casa Botín, o restaurante máis antigo do mundo (fundado en 1725), co obxecto de degustar unha magnífica cea, onde chegou o momento de departir e compartir confidencias con amigos e compañeiros doutras tunas que asistiron ao convite. Por se isto fose pouco, tivo lugar a sorpresa da aparición do mítico Parche de Botín, formado por un elenco en grao sumo selecto e selecto dos tunos madrileños, quen interpretou aplaudidos temas. Para finalizar coa clásica “cantarela” galega, todos xuntos e en sa camaradería.
O fin de festa trasladouse ao Mesón da guitarra onde os Troyanos de Compostela puxeron o broche de ouro á xornada madrileña, cantando cancións regadas con algún que outro espirituoso (a ocasión merecíao) ata altas horas, que non intempestivas pois a peculiaridade do viaxe lóstrego facían que 24 horas despois da saída da compostelá rúa da Rosa, o mesmo micro bus que os traslado á vila e corte, recolléseos temperán para facer o camiño inverso, está vez na enxebre praza de España.
O obxectivo logrouse. Troyanos de Compostela exerceron de perfectos embaixadores da súa terra, deixando o nome de Santiago de Compostela e Galicia no máis alto. Dando voz a un museo que de non contar coa agrupación musical, estaría mudo, para deste xeito contar, cantar e declamar aos catro ventos, Viva Galicia…viva a tuna.
Para máis información sobre o Museo Casa da Troia e o grupo Troyanos de Compostela, visitar www.lacasadelatroya.gal.
ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO