Gran inauguración da concentración de autocaravanas en Vimianzo

2 minutes read
  • Durante esta fin de semana máis de 100 vehículos deste tipo visitarán a vila soneirá

Durante esta fin de semana Vimianzo será o fogar de máis de 100 autocaravanas grazas a unha concentración destes singulares vehículos cuxa inauguración se celebrou ás 10.00 horas este sábado. O acto tivo lugar na área de autocaravanas da localidade, que pode albergar ata 11 vehículos deste tipo, e contou coa actuación da Asociación Cultural Trubisquiña. Posteriormente, as persoas participantes no programa desprazáronse ata Cereixo, onde está prevista unha comida campestre na Praza Nova. Ás 18:00 horas realizarase un paseo guiado polo porto de Cereixo e a súa contorna, regresando ás 21:00 horas a Vimianzo.

Para o domingo ás 10.00 horas está proxectada unha ruta polos Penedos de Pasarela e Traba, declarados como Paisaxe Protexida no 2009 pola Xunta de Galicia. Ás 14:00 horas terá lugar un xantar e ás 16:30 horas unha visita guiada ao Castelo de Vimianzo. Ás 17:00 horas conmemoraranse as Letras Galegas na Praza do Concello con actividades para o público máis novo.

Esta programación tan especial rematará o luns, e por todo o alto, coa actuación das Tanxugueiras aproveitando que martes é festivo por ser o Día das Letras Galegas. O concerto será ás 22.00 horas na Casa da Cultura. Iso si, durante toda a xornada haberá máis actividades: ruta polos Segredos do Val de Vimianzo (10.00 horas) e pícnic no merendeiro do Mosquetín (14.30 horas) con posterior visita guiada.

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, sinalou este programa é «froito do traballo e esforzo de todo o equipo de Turismo, Cultura e Deportes», a quen quere agradecer a súa implicación «non só por confeccionar unha das mellores áreas de autocaravanas de toda a Costa da Morte; tamén por darlle sentido con este tipo de actividades».

Inauguración concentración autocaravanas en Vimianzo_Concello