Gran inauguración do parque de atraccións de Muxía para celebrar as festas de San Xoán

Concello

  • Enmarcado na segunda edición da programación MuxiUP!, os rapaces de 2 a 16 anos puideron acceder gratis ás instalacións grazas a un carné especial.

Co San Xoán son moitos os concellos que dan a benvida ao verán con varias actividades, e en Muxía aproveitaron para poñer en marcha o parque de atraccións de MuxiUP!, a programación de verán que este ano celebra a súa segunda edición tras unha moi boa acollida o pasado ano.

As instalacións atópanse na zona do porto e abríronse este xoves ao público, aínda que durante esta semana a rapazada do concello de entre 2 e 16 anos recibiu nas súas casas un carné que lles permitía acceder ás atraccións de xeito gratuíto durante a xornada inaugural. Unha oportunidade que se repetirá durante a clausura deste domingo.

Por outra banda, durante estes días tamén se celebrarán varias festas: a MuxiUp! Young (24), coa discoteca móbil Impacto e DJ Sonic, e a MuxiUp! Senior (25), onde se combinará o espectáculo da orquesta ‘Noche de Estrellas’ coa Impacto. O Dúo Rosán pechará a programación festiva o domingo.