A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou que a nova liña de axudas de eficiencia enerxética en edificios existentes está a espertar gran interese entre os cidadáns, tal e como demostran as máis de 500 solicitudes rexistradas tan só no primeiro mes de convocatoria.
Por primeira vez o departamento que dirixe está a xestionar este programa de axudas para actuacións de mellora dos inmobles (reguladas por Real decreto do 4 de agosto), para as que se prevé un orzamento global de 17 millóns de euros, dos cales 8,5 millóns de euros serán só para o presente exercicio.
Indicou que estas axudas tamén están dirixidas aos propietarios de vivendas unifamiliares ou de edificios de tipoloxía residencial, así como ás persoas propietarias que de forma agrupada sexan propietarias de edificios –sempre que reúnan os requisitos establecidos no artigo 396 do Código Civil- e que desexen levar a cabo unha mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica, apostar polo uso de enerxías renovables nas instalacións térmicas de calefacción, climatización, refrixeración, ventilación e auga quente sanitaria, así como mellorar as instalacións de iluminación.
A conselleira explicou que, aínda que non é o obxectivo principal desta liña de incentivos, os solicitantes que se animen a executar este tipo de actuacións están achegando un gran esforzo para reactivar a economía da comunidade e, sobre todo, están apostando por conservar as súas vivendas, adaptándoas aos tempos actuais e favorecendo medidas de aforro enerxético.