Gran participación dos veciños da zona dos Baños Vellos para mellorar o espazo público

1 minutes read
  • Máis alá das diferentes propostas e opinións, imperou a unanimidade sobre a necesidade de intervir nese ámbito

A convocatoria realizada pola Concellaría de Planificación e Estratexia Urbana para avanzar no Plan director para a mellora do espazo público urbano e da mobilidade na zona dos Baños Vellos (Carballo) tivo unha resposta moi numerosa e participativa por parte da veciñanza.

Medio cento de persoas, entre as que se atopaban algúns membros da corporación, asistiron á xuntanza veciñal que se celebrou no auditorio da Biblioteca Rego da Balsa e na que quedou claro que, máis alá das diferentes propostas e opinións sobre as actuacións que se poden levar a cabo nese ámbito, hai unanimidade sobre a necesidade de intervir dun xeito global. De feito, o equipo redactor traballará no deseño do amplo ámbito comprendido entre as rúas Enrique Sánchez, Ánxel Fole, Ponte, Camiño Novo, Vázquez de Parga e Perú. Foron os técnicos, precisamente, os encargados de dirixir a sesión de participación, da que, despois da presentación por parte da concelleira de Planificación, ausentáronse a propia Milagros Lantes; o concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane, e o alcalde, Evencio Ferrero, para evitar calquera tipo de influencia no proceso.

A participación realizouse a través dos teléfonos móbiles, utilizando unha APP para poder ver as respostas anónimas inmediatamente nunha pantalla e así fomentar o debate sobre cada unha das cuestións que se foron propoñendo.

Os resultados da sesión de participación uniranse ás enquisas realizadas previamente nos establecementos comerciais e aos traballos de campo para extraer as primeiras conclusións e iniciar o traballo de elaboración do plan especial.