Gran partido o vivido en O Monte, cun Bergantiños que non deu opción ao rival e nos primeiros 45 minutos pechou o partido. O Bergantiños FC dominou e foi superior ao rival en todo momento e boa nota diso é que durante os 90 minutos o Xuventude de Crendes apenas inquietou a portería visitante.
Corría o minuto 17 e Torrado colgaba un balón ao segundo pau e Cruz chegaba para poñer o 0-1 no marcador. O Bergantiños achegábase e dominaba en todo o campo, os balóns divididos, as segundas xogadas e tentaba facer o seu xogo, pero o rival en ningún momento poñíao fácil. No minuto 29 e de novo Cruz tras un erro local plantábase soa ante a porteira e non fallaba, subindo o 0-2 ao marcador.
O Bergantiños seguía apertando e tras varias xogadas, Isa, Alba, Claudia e Cruz non eran quen de volver bater a Andrea e que precisamente a gardameta, tras unha sensacional intervención sacaríalle o hat- trick a Cruz. No minuto 41 e nun gran pase profundo de Laura, Isa recibía na área e unha xogadora local faríalle falta, sinalando o árbitro a pena máxima. A propia Isa encargábase de lanzar o penalti: por abaixo ao pau esquerdo da porteira local que nada puido facer na súa estirada. Isa subía así o 0-3 co que se chegaba ao descanso. O Crendes quedaría con dez, tras a expulsión de Alba polas súas protestas sobre o penalti.
Tras o paso por vestiarios o partido baixou en intensidade. Nesta segunda parte o encontro estivo máis aberto e marcado polas poucas ocasións, das que foron protagonistas o equipo rojillo. No minuto 87 tras un centro de Torrado, o remate de Bárbara daríalle na man á defensa local, e o árbitro sinalaba de novo penalti. Esta vez foi a propia Bárbara a encargada de lanzalo. Andrea fai unha sensacional parada, pero o rexeite volve á xogadora e esta non falla e poñería o definitivo 0-4 co que se chegaba ao final do encontro. Estes tres puntos sérvenlle ás bergantiñás para seguir liderando a clasificación. A semana que vén o Bergantiños FC recibirá a visita da SD Club Ordes.