Gran traballo da Unidade de Investigación de Incendios Forestais no seu primeiro ano

Cedida.

O director xeral da Defensa do monte, Manuel Rodríguez, destacou hoxe na Comisión 7ª do Parlamento o extraordinario traballo da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) no esclarecemento dos lumes durante o seu primeiro ano en funcionamento.

Ademais, puxo en valor o labor desempeñado pola UIFO nos incendios deste verán, que foi crucial para determinar as posibles causas e causantes. Así, puidéronse esclarecer varios dos lumes, quedando evidenciada a man do home detrás deles, sendo determinantes, ademais, as investigacións feitas tanto pola UIFO como polo resto de forzas e corpos de seguridade para deter aos presuntos autores.

Precisamente, a UIFO creouse no ano 2021 co fin de que, grazas a ter unha dedicación exclusiva, puidese focalizar o seu labor naquelas zonas do territorio máis afectadas en períodos de alto risco ou en situación de alta actividade incendiaria a nivel de toda a comunidade autónoma. Ademais, dada a súa especialización nas facetas policial e forestal, todo isto redunda nunha clara mellora da investigación e, por tanto, da prevención dos incendios forestais.