Grande-Marlaska pide aos condutores ‘prudencia e conciencia cívica’ este verán


O ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, apelou á prudencia ao volante para reducir os sinistros de tráfico no primeiro verán de normalidade circulatoria tras a pandemia. Subliñou que a cifra de falecidos na estrada durante o primeiro semestre de 2022 ascendeu a 533 persoas, corenta máis que en 2019, o ano previo á pandemia. O ministro lembrou a importancia do dispositivo despregado este ano pola DXT para garantir a seguridade dos desprazamentos durante este verán, no que se prevé máis intensidade circulatoria que en 2019. “Estaremos especialmente atentos ao respecto aos límites de velocidade e ao risco de atropelos, dúas das causas que máis nos preocupan este ano”, detallou.