Varios estudantes de Ponteceso acadan grandes resultados na XII Olimpíada de Xeoloxía

Cedida

  • David Méndez Redondo, alumno do IES Eduardo Pondal, representará a Galicia na fase nacional da Olimpíada

Un grupo de estudantes do IES Eduardo Pondal de Ponteceso conseguiu importantes logros na fase galega da XII Olimpíada de Xeoloxía, celebrada o pasado día 24 de febreiro. Este certame ten como obxectivo promover entre o alumnado a vocación no campo da Xeoloxía e das Ciencias da Terra.

Organizada de forma telemática debido á situación sanitaria actual, a Olimpíada tivo lugar en tres sedes nas que competía alumnado de 4º da ESO e 1º e 2º de Bacharelato. As probas consistiron nunha xincana xeolóxica e un exame individual.

David Méndez Redondo, gañador da sede de Coruña-Lugo, representará a Galicia na fase nacional da Olimpíada que se celebrará o vindeiro 17 de abril en Cuenca. Redondo tamén obtivo unha guía de rochas e minerais polo que, xunto cos outros gañadores, poderá gozar dunha ruta xeolóxica por Cabo Ortegal. O segundo premio recaeu en Martín Martínez, estudante 2º de Bacharelato en Ponteceso.

A estes dous participantes tamén se suman as súas compañeiras Yaissa Castro Rojo e Claudia Suárez. Xuntos lograron o primeiro premio na categoría de Mellor Grupo.