O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, adiantou que o Goberno autonómico destinará 5 millóns de euros o próximo ano a implantar a gratuidade no transporte público autonómico para os maiores de 65 anos que se aplicará desde o 1 de xaneiro.
Rueda enmarca esta medida no reforzo que está a realizar a Xunta por reforzar a atención aos maiores como un sector de poboación esencial para Galicia. Cómpre destacar que nunha comunidade cunha dispersión xeográfica como a galega, o transporte público é moitas veces a única vía de acceso que teñen os maiores á sanidade pública, ás xestións administrativas ou aos centros de lecer.
A gratuidade aplicarase nas 3.500 liñas “de transporte interurbano da Xunta; no transporte da ría de Vigo”, concretamente nas conexións con Cangas e con Moaña, e “nos servizos do antigo Feve na comarca de Ferrol”.
O obxectivo é aplicar a gratuidade da que xa desfrutan “máis de 160.000 mozos e mozas galegos” a través da tarxeta Xente Nova aos maiores de 65 anos.
Rueda explicou que o Consello iniciou os trámites para, nunha primeira fase, aplicar esta gratuidade a través da Tarxeta de Mobilidade Galega (TMG) que xa teñen 52.720 maiores de 65 anos. O obxectivo é que posteriormente os beneficiarios poidan viaxar de balde grazas ao Carne +65, impulsado pola Consellería de Política Social e Xuventude e que incluirá descontos aos maiores en establecementos ou servizos.