- A compañía, con sede na Coruña, desembarcou no porto de Ferrol as 9 pas, de 68 metros de lonxitude, dos 3 aeroxeradores que instalará no Monte Tourado en Vimianzo.
A empresa Greenalia mantén a actividade en todas as áreas de negocio, co obxectivo de poder avanzar na implantación de novos proxectos na comunidade e que, á súa vez, permitan dinamizar a economía nun momento de excepcional complexidade como o que vivimos marcado pola crise do COVID-19.
En liña co Pacto Verde, alcanzado por varios países da UE, no que se subliña a necesidade de que o crecemento económico da Unión Europea teña criterios máis verdes e sostibles, máis especialmente tras o COVID-19, desde Greenalia consideran esencial manter os proxectos en marcha e mesmo potencialos na medida que as tramitacións administrativas o permitan. Así, axudarase a dinamizar o tecido económico e laboral da nosa comunidade e a impulsar as enerxías renovables, que se configuran como un dos alicerces esenciais desa folla de folla de roteiro europeo.
Por iso, desde a empresa están a poñer especial atención no avance dos proxectos que poden poñerse en marcha nos próximos meses, entre os que se atopan tres na Costa da Morte que contarán cunha potencia instalada de 28,1 MW. Trátase de Alto da Croa (7,3 MW) e Alto da Croa II (10,4 MW), en Dumbría, e Monte Tourado (10,4 MW), en Vimianzo. Todos eles en avanzado estado de tramitación, coa previsión de que poidan estar finalizados no último trimestre de 2020.
De feito, para este último parque, chegaron ao porto de Ferrol as 9 pas, de 68 metros de lonxitude, dos 3 aeroxeradores cos que contará este parque de 10,4 MW. En canto se obteñan as autorizacións administrativas pertinentes xa solicitadas por Greenalia, comezarase co seu traslado para a inmediata construción da instalación eólica.
Segundo indican desde a empresa, estes proxectos forman parte da primeira fase do proxecto Eolo da compañía, que unha vez finalizado contará con 74,2 MW en funcionamento en 5 parques eólicos (4 na provincia da Coruña e un en Lugo), o que supoñerá un gran impacto económico e laboral positivo nas zonas de implantación, máis destacado se cabe executándose en plena crise xerada pola pandemia do COVID-19.