Greenalia somete a información pública o parque eólico Coto Muiño, en Zas


Greenalia avanza na tramitación da súa carteira eólica en Galicia e somete a fase de información pública un novo parque eólico, Coto Muiño. Tal e como recolle o DOG deste venres, trátase dun parque cunha potencia instalada de 19,2 MW e un investimento previsto de 16 millóns de euros. Contará con 4 aeroxeradores no municipio de Zas. As máquinas terán unha altura de buje de 127,5 metros e 145 de rotor.

O proxecto prevé unha produción anual de 73.626 MWh, o que permitirá evitar a emisión de 27.000 toneladas de CO2 á atmosfera. Para o desenvolvemento deste novo parque, seleccionáronse zonas de alto recurso eólico co mínimo impacto na contorna. Sitúase fóra de áreas ou espazos protexidos como IBA, reservas ou monumentos naturais, así como zonas ZEP e Reserva de Biosfera. En canto á paisaxe, a baixa densidade de máquinas e o efecto pantalla da vexetación e a orografía faio perfectamente compatible coa contorna. En referencia á avifauna, non se prevé afección ao non tratarse dunha zona con alta densidade de aves nin quirópteros, nin estar incluída nos roteiros migratorios. A zona de implantación é maioritariamente de eucalipto e matogueiras polo que unha vez concluídas as obras serán facilmente revegetadas as zonas afectadas na fase de construción.

Por último, no que respecta ao patrimonio cultural, estableceuse un paquete de medidas preventivas e correctoras para evitar calquera tipo de impacto nos bens existentes na zona. Nestas medidas destaca a delimitación dos xacementos (áreas de protección integral e áreas de cautela) xa na propia cartografía de obra. Así mesmo aproveitaranse os viais existentes para evitar impactos ao que se suma o control arqueolóxico presencial a pé de obra de todas aquelas accións de obra, xa sexan rozas, acondicionamentos ou calquera movemento de terra, que se executen dentro das súas áreas de cautela.