Guadalupe Vázquez Formoso presentou en Cee o seu segundo conto bilingüe de Saltarín

1 minutes read

Guadalupe Vázquez Formoso, docente no colexio Manuela Rial de Cee, presentou o seu segundo conto bilingüe de Saltarín, Voa, Saltarín, ata a Fin da Terra! Fly, Little Grasshopper, to the End of the World!, no auditorio Baldomero Cores da Casa de Cultura de Cee, libro apoiado e financiado pola Xunta de Galicia e Turismo de Galicia.

A alcaldesa, Margarita Lamela, non só se encargou de facer unha presentación da autora e do seu libro senón que, ademais, sorprendeu aos máis de cen asistentes ao acto entregando un agasallo a Antón Sambade, fillo de Guadalupe, xa non polo libro en si –do que é coautor xunto coa súa nai– senón por gañar hai uns meses o primeiro premio no concurso de ámbito nacional Ti es Luz para o Mundo, de Infancia Misioneira. Ademais, a alcaldesa fixo entrega dun gran ramo de flores a Guadalupe ao finalizar o acto.

Guadalupe Vázquez, aproveitou para falar do seu próximo proxecto, outra aventura de Saltarín, esta vez ambientada no Monte Pindo e que ten como protagonistas ao saltamontes e ao Xigante da Mina, e adiantou unhas imaxes inéditas do mesmo, que foron moi aplaudidas polo numeroso público asistente.