Guerra de vacinas | Moderna denuncia a Pfizer e BioNtech por posible plaxio


A empresa farmacéutica Moderna presentou este venres unha denuncia contra as compañías Pfizer e BioNtech, a quen acusa de infrinxir a patente sobre ARNm que a compañía presentou entre 2010 e 2016 como parte do desenvolvemento da tecnoloxía de ARNm, empregada na recente vacina contra o coronavirus. Segundo Moderna, a empresa estadounidense Pfizer e a alemá BioNtech, que desenvolveron unha vacina propia contra o coronavirus empregando tamén a tecnoloxía de ARNm “copiaron ilegalmente os inventos de Moderna e seguiron usándoos sen permiso”, segundo dixo a directora legal da farmacéutica Shannon Thyme Klinger. Moderna argumenta que a partir de marzo deste ano “cando a loita colectiva contra a covid-19 entrou nunha nova fase e a subministración de vacinas deixou de ser unha barreira para o acceso en moitas partes do mundo”, a compañía “esperaba que empresas como Pfizer e BioNTech respectasen os seus dereitos de propiedade intelectual e considerarían unha licenza comercialmente razoable en caso de solicitala para outros mercados”.