Haberá un cambio total ou parcial da prohibición da pesca recreativa en 106 dos 122 peiraos


A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, está a traballar nun cambio normativo que permitirá levantar a prohibición da pesca non profesional en superficie nos peiraos en 106 das 122 dársenas de titularidade autonómica. Así o explicou a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, nunha resposta a unha pregunta na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo no Parlamento de Galicia. A responsable do ente público indicou que deste xeito a Xunta autorizará no 85% das dársenas unha actividade que está prohibida desde 1972 de acordo tanto coa lexislación estatal como galega.

A nova normativa clasificará os portos en tres niveis en función da posibilidade de acoller a pesca recreativa entre as súas actividades. Así, establece un total de 28 portos libres de toda restrición; 78 nos que se permitirá esta práctica condicionada por zonas ou horarios e 16 nos que non se poderá realizar esta actividade por razóns de seguridade ou operatividade portuaria.