Haberá un Foro de Reactivación do Deporte Galego


A Secretaría Xeral para o Deporte creará o Foro de Reactivación do Deporte Galego como espazo de deliberación, análise e proposta de actuacións para o sector deportivo de Galicia no contexto posterior á crise sanitaria do COVID-19, tal e como informou o Consello da Xunta este xoves. O seu obxectivo será a análise das medidas de actuación que, desde os distintos ámbitos materiais afectados, poidan formularse para establecer un marco de recuperación sostible do sector deportivo galego.

Neste foro de deliberación, análise e proposta fomentarase a participación de todo o tecido deportivo galego para o que se convidará á Federación Galega de Municipios e Provincias, Unión de Federacións Deportivas de Galicia, os grupos de traballo constituídos aos efectos da adaptación do protocolo FISICOVID-DXTGALEGO, os deportistas galegos de alto nivel, as Agrupacións Deportivas Escolares de Galicia, as tres Universidades Galegas, a Asociación Galega de Xestores Deportivos, o Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física e Ciencias da Actividade Física e do Deporte de Galicia, a Asociación de empresas xestoras de instalacións deportivas de Galicia, así como persoas de recoñecido prestixio nas diferentes disciplinas vinculadas aos ámbitos académico, profesional e sectorial do deporte de Galicia.