Habilitada a quenda de garda social permanente a mulleres vítimas de violencia de xénero

O presidente da Xunta anunciou este xoves a aprobación dun convenio de colaboración co Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia para establecer una quenda de garda social especializada e permanente, operativa 24 horas e 365 días ao ano, para atender as vítimas de violencia de xénero e os seus fillos e fillas menores.

O acordo, que estará dotado con 253.000 euros, dará acceso ás vítimas a unha atención personalizada e profesional desde o mesmo momento no que se presente a denuncia. En concreto, os profesionais de apoio ofrecerán ás mulleres información sobre as axudas e recursos dispoñibles e un apoio integral.

Enmárcase, dixo, no Plan de actuación aprobado hai unhas semanas coa vontade de desenvolver na Comunidade o Pacto de Estado contra a violencia de xénero. E vén a completar algunha das medidas postas en marcha para mellorar a resposta que se lle dá ás vítimas, como é o caso da quenda de garda psicolóxica.

O servizo poderá ser activado polas forzas e corpos de seguridade de Galicia ou polos xulgados con competencias na materia. Mentres que o proceso se iniciará cunha chamada ao teléfono de información ás mulleres, 900400273, onde se contactará co profesional de garda.

As intervencións coordinaranse de tal xeito que a intervención do traballador/a social terá lugar unha vez que se inicie ou finalice a do psicólogo/a. Ademais, os profesionais que formen parte desta garda recibirán formación especializada.

En definitiva, concluíu, un novo recurso á disposición das vítimas de violencia de xénero e das súas fillas e fillos a través dun sistema que habilita acompañamento e axuda na toma de decisións.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha