Trátase dun espazo que vai percorrendo as facultades galegas ofrecendo información sobre programas, recursos e servizos de interese para os estudantes e que neste mes de marzo estará na facultade de Ciencias da Educación e do Deporte de Pontevedra.
Coa finalidade de continuar achegando información á mocidade, esta nova iniciativa, pretende asesorar aos estudantes das universidades galegas. Neste punto tamén se habilitará a activación do Carné Xove, que a Administración autonómica fixo chegar ás casa duns 400.000 mozas e mozos.
Este servizo de información está pasando por todas as universidades galegas e forma parte da estratexia de achegar información á xuventude sobre aqueles aspectos que poden ser do seu interese. Ademais destes puntos de información itinerantes, o Goberno galego tamén conta con outros programas de difusión, tales como o programa Correspondentes xuvenís, que se leva a cabo en institutos de secundaria; ou Correspondentes universitarios, nas universidades.
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou este mércores este punto de Pontevedra.