Habilitada unha embarcación para atravesar o Miño entre A Guarda e Caminha

1 minutes read

Este novo servizo facilita e promove o Camiño de Santiago seguindo o itinerario que parte do Porto e pasa por Esposende, Viana do Castelo e Camiña e que entra en Galicia pola Guarda, pasando por Baiona e Vigo ata unirse co Camiño Portugués en Redondela. Os peregrinos que queiran cruzar desde Caminha a A Guarda dispoñen de dúas embarcacións, unha delas eléctrica, que une os dous peiraos. O novo servizo reforzarase a partir do mes de xullo coa habilitación dun barco propio e exclusivo de propulsión eléctrica con viaxes regulares nos dous sentidos. Esta actividade levarase a cabo a través do convenio asinado entre Turismo de Galicia e a Asociación Galega de Actividades Náuticas (Agan+) que se fará cargo do transporte.
O proxecto de turismo náutico complétase con melloras no peirao da Guarda e coa sinalización da ruta xacobea e dos servizos complementarios habilitados na zona no marco dun plan de potenciación do Baixo Miño que inclúe tamén rutas de sendeirismo e itinerarios pola zona con medios de transporte sustentables.