Hostaleiros e grandes supermercados dan un sobresaínte á xestión do lixo en Carballo

Concello de Carballo

  • No último trimestre do 2021 desenvolveuse unha campaña informativa e realizáronse visitas individuais a 335 locais

Comercios, establecementos hostaleiros e grandes supermercados da localidade de Carballo móstranse moi contentos coa xestión municipal do lixo dándolle unha nota de 9,8 sobre 10. Esta puntuación obtense tras a campaña informativa realizada no último trimestre do 2021, que incluíu visitas individuais ás empresas para ofrecerlles información sobre a recollida selectiva das diferentes fraccións e outros servizos como o punto limpo ou os colectores de pilas, que están a disposición de todos os negocios interesados.

Para animar e axudar na recollida do cartón porta a porta, nos comercios entregáronse cintas de embalar e no caso da hostalaría repartíronse mandís. Tamén se realizou unha recollida de datos a través dunha enquisa sobre as diferentes cuestións relacionadas coa reciclaxe e a valoración dos servizos municipais.

Nos 250 comercios visitados a campaña centrouse na recollida de cartón por ser o principal residuo que xeran. Un 72% das tendas visitadas coñecen o funcionamento do servizo de recollida porta a porta e ademais utilízano. Para o 95%, os tres días de recollida son suficientes e, nesa mesma porcentaxe, manifestaron non ter sufrido ningunha incidencia co servizo.

En canto a problemas detectados, nas rúas Coruña e Hórreo evitan deixar o cartón na porta dos comercios, sobre todo os venres, porque a rapazada úsao para xogar. Tamén se resolveron dúbidas sobre o plástico, indicando que os pequenos envoltorios, sobre todo das tendas de roupa, deben depositarse no contedor amarelo; mentres que as grandes embalaxes plásticas de electrodomésticos ou mobles deben tirarse no colector verde. Así mesmo, informouse sobre a nova Lei de Residuos.

Ademais dos comercios, o persoal da campaña visitou 4 grandes supermercados e 81 establecementos de hostalaría. En canto a estes últimos, máis do 50% contan con colectores propios para a separación de vidro e envases e un 35% manifesta ter o caldeiro facilitado polo programa Horeca para o vidro, pero descoñecen que tamén se facilite un para os envases. O 95% estiman que os colectores están preto dos seus locais.

O sector da hostalaría tamén contribúe á separación do cartón, neste caso utilizando os colectores de cor azul. Máis lenta vai a implantación da separación da fracción orgánica, que só realiza un 38%. Neste sentido, nas visitas animouse aos locais a sumarse ao programa “Ti tes a chave”. A esta iniciativa si están adheridos os 4 supermercados visitados, aínda que tamén propuxeron melloras en canto ao tamaño dos caldeiros ou á periodicidade da recollida.

Todos os datos polo miúdo serán analizados polos servizos técnicos para intentar dar solución ás propostas e necesidades expresadas polos distintos sectores e deste xeito seguir avanzando na mellora dun servizo público.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha