Un mes despois da suspensión da recollida selectiva de téxtil como consecuencia da crise sanitaria global, a Fundación Humana está en condicións de retomar o servizo, nos vindeiros días retiraranse os precintos dos contedores, que quedarán de novo ao servizo da cidadanía. Para garantir a seguridade de traballadores/as e usuarios/as realizaranse desinfeccións tanto dos colectores coma dos vehículos de transporte.
Humana ten en marcha en Carballo un proxecto piloto co que trata de demostrar que unha contenerización correctamente dimensionada é clave para recuperar una maior cantidade de téxtil e cumprir os obxectivos da UE en materia de residuos. Así, mentres a media española é de 1 colector por cada 5.000 habitantes, en Carballo hai un por cada 900 habitantes. O ano pasado, os veciños e veciñas depositaron neles un total de 185.000 prendas de roupa.