Iago Toba, alcalde de Muxía: «Non abandonaremos o barco, seguiremos ata que os veciños o decidan»

1 minutes read

O mes de abril non rematou nada ben para os veciños de Muxía despois de que a oposición tumbase o POS da Deputación ao non aprobar unha modificación solicitada polo ente provincial. “As ansias de poder de Sandra Vilela e Mónica Vilela por chegar a Alcaldía, a calquera prezo e pola porta de atrás, sen contar co apoio dos veciños, fan que á desesperada actúen desta forma”, así de contundente se mostrou o alcalde, Iago Toba, durante unha rolda de prensa celebrada este venres no Salón de Actos do Concello.

Sandra Vilela e Mónica Vilela, líder do PP e portavoz do grupo dos non adscritos respectivamente, aínda non se pronunciaron ante as verbas do rexedor, quen durante a súa intervención se mostrou algo nervioso xa que a perda do POS significa a perda de máis de medio millón de euros para obras e servizos demandados pola veciñanza de Muxía como o abastecemento de auga a Morpeguite e Pasantes, o arranxo da pista polideportiva de Quintáns, o acondicionamento do vial de Suxo ata Garante ou ampliación da redes de saneamento de Chorente.

O líder dos socialistas agradeceu o apoio dos seus concelleiros, Javier Romar e Olalla Benlloch, así como dos seus veciños e amigos, e sinalou que desde o seu “humilde” goberno “non abandonaremos o barco, como abandonan outros” e que non presentará a súa dimisión a pesar dos “obstáculos” que se lle poñan por diante. “Seguiremos ata que os veciños o decidan”, remata o rexedor.

Rolda de prensa do alcalde de Muxía, Iago Toba, despois de que a oposición tumbase o POS 2021