Iago Toba amosa a súa indignación ‘pola falta de respecto institucional da Xunta de Galicia’

O alcalde de Muxía, Iago Toba Campaña_Cedida

O alcalde de Muxía, Iago Toba, amosa a súa “indignación pola falta de respecto, tanto institucional como aos veciños e veciñas de Muxía por parte da Xunta de Galicia”, así como “pola falta de información e oscurantismo da institución autonómica” en referencia á catástrofe medioambiental dos pellets que inundan as praias de Muxía.

A primeira comunicación recibida polo Concello de Muxía sobre este incidente data do 4 de xaneiro, a través dunha carta da Consellería do Mar, anunciando que a responsabilidade da limpeza das praias é exclusiva do Concello.

O rexedor destaca que “o que non pode ser é que como alcalde de Muxía me enteré esta mesma mañá de que ven o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, uns minutos antes de que veña”. Engade que “non vou permitir que se empregue o nome de Muxía como arma electoral, a pouco máis dun mes das eleccións autonómicas”.

“As dependencias municipais sempre estarán abertas para todo o mundo, pero sobre todo para estes casos que consideramos de gran relevancia. Ademais, este equipo de goberno enterouse de que hai tres operarios de TRAGSA nas nosas praias xa que o PP local anunciouno a bombo e platillo. É paradóxico que o PP de Muxía teña máis información que o propio Goberno local, pero o que está claro é que o alcalde de Muxía non vai ser partícipe deste circo, xogando cun tema tan importante”.

Iago Toba salienta que “temos que reunirnos todas as institucións para traballar na mesa dirección e poder axudar e facer fronte a esta catástrofe medioambiental. O Concello de Muxía sempre estará aberto ao diálogo e o consenso”.

Base de voluntariado

Desde Protección Civil de Muxía, en coordinación do Concello de Muxía, habilitaron unha base de voluntariado para que todas as persoas que o desexen podar recoller material de limpeza e actúar nas praias.

Paralelamente, o Concello de Muxía está a contratar empresas especializadas para o análise, limpeza e coordinación para facer fronte a esta catástrofe medioambiental.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha