O que era un segredo a voces confirmouno o propio alcalde de Muxía, Iago Toba, publicamente. Olalla Benlloch será a número dous e Javier Romar o número tres na lista do PSdeG-Psoe de Muxía na candidatura para as eleccións municipais do vindeiro mes de maio.
Trátase dos dous concelleiros que levan acompañando e traballando a diario con Toba durante toda esta lexislatura. Así, tras o anuncio, o alcalde destacou que “a miña confianza neles é plena pero agora a veciñanza tamén sabe da grandeza tanto de valores, capacidade e traballo como de compromiso co municipio que Olalla e Javier teñen”.
“Demostraron o que unha persoa na política local ten que facer. Traballar polos veciños e veciñas ante calquera circunstancia, por moi difícil que sexa, e pensando no benestar de todos os veciños”, engadiu Toba.
Compromiso e esforzo
Cabe destacar que durante o momento más cru do coronavirus e coa crise de goberno, tanto Olalla Benlloch como Javier Romar asumiron as competencias de todos os concelleiros que abandonaron o goberno local, e sen percibir dedicación económica algunha.
“Os dous traballaron día a día para saír fortalecidos da situación social, sanitaria e económica que tivo as administracións e a sociedade durante esta lexislatura. Non se deixaron amedrentar en momentos complicados e foron firmes no seu compromiso tanto a min como ao pobo, e iso é algo que admiro deles. Teño claro que mentres estea en política, tereinos como primeiros espadas, como a miña man dereita e esquerda, como unha pequena familia”, rematou Toba.
Equipo con formación e responsabilidade
Olalla Benlloch Lema (Quintáns, Muxía) de 34 anos, graduada en Educación Social e nai de dous fillos, de 1 e 3 anos. Actualmente é a concelleira da comarca que máis concellerías ao seu cargo ten: Cultura, Igualdade, Servizos Sociais, Xuventude e Educación. Tivo, dun dia para outro, que asumir todas as competencias despois da renuncia de outros concelleiros que nalgún caso segue cobrando unha retribución sen ter dedicación nin área.
Javier Romar Alvarellos, (Sendón, Muxía) Gandeiro de profesión e de 44 anos de idade. Pai de dous fillos exerce a tenencia de Alcalde e unha área, a da concellería de Obras, que tivo dende a súa chegada o volume de licitación pública máis grande de todos os gobernos anteriores.
“É un orgullo para min ofrecer aos meus veciños a estas dúas persoas como numero dous e tres, porque demostraron que a veciñanza poden confiar en eles e na súa palabra”.
Iago Toba tamén anunciou que durante os vindeiros dias e semanas dará a coñecer máis nomes do equipo que presentará de cara as vindeiras eleccións municipais.