Iago Toba define de ‘cinismo’ o comportamento da portavoz do PP de Muxía

1 minutes read

O alcalde de Muxía, Iago Toba, amosouse “incrédulo” e criticou o “cinismo” da portavoz do Partido Popular de Muxía, Sandra Vilela, tras coñecer as súas declaracións durante o Foro sobre a Internacionalización do Camiño Fisterra-Muxía, nas que eloxiou á Asociación de Concellos do Camiño Fisterra-Muxía “á que hai uns meses calificaba de chiringuito e da que Muxía non forma parte por culpa do seu partido”. O rexedor lembrou que “Muxía é o único Concello deste itinerario do Camiño que non forma parte da Asociación porque hai só uns meses, na pasada lexislatura, o Partido Popular non quixo votar a proposta que o goberno local levou a pleno para adherirse a esta entidade”.  “Parécenos unha tomadura de pelo que vaia ao Foro sobre a Internacionalización do Camiño Fisterra-Muxía, no que o Concello non ten presencia pola súa culpa, a falar dos grandes beneficios que ten para os concellos o traballo dunha asociación da que non quixo formar parte e que calificou como un chiringuito”, destaca. Iago Toba salienta que “eu sempre defendín, e así o fixen tamén nese pleno, que que Muxía formase parte desta Asociación era moi beneficioso para nós xa que ademais nos permitiría obter fondos para facer investimentos”. “Xa que a portavoz do Partido Popular cambiou de idea, e que agora non lle parece un chiringuito, volveremos a levar a pleno a proposta para sumarnos a esta entidade”, anunciou.