Presentadas as candidaturas do PSOE ás alcaldías de Muxía e Carballo

2 minutes read

O actual alcalde e secretario Xeral do PSdeG-PSOE de Muxía, Iago Toba Campaña, presentou este sábado a súa candidatura para revalidar a alcaldía do municipio nas vindeiras eleccións do 28 de maio nun multitudinario acto baixo o lema “contigo somos imparables”.

O Pazo da Virxe da Barca encheuse para apoiar a candidatura de Toba, que contou co respaldo de tanto o secretario Xeral do PSdG-PSOE e presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, como do secretario Provincial do PSdeG-PSOE da Coruña, Bernardo Fernández Piñeiro.

Durante o evento houbo varios momentos de moita emotividade como cando Iago Toba aproveitou para “dar grazas aos familiares, compañeiros e sobre todo aos veciños e veciñas por estar nos momentos mais duros desta lexislatura. Teño ilusión, teño ganas e teño forza para seguir traballando por Muxía e para dicirvos que non teñades ningunha dúbida que co voso apoio seremos imparables”, destacou Toba.

Outro dos grandes instantes do acto foi cando se proxectou un vídeo no que algúns compañeiros de partido enviaron unha mensaxe de apoio e de forza para esta nova candidatura. Entre elas, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e varios alcaldes e alcaldesas da Costa da Morte.

Tras o anuncio da candidatura para a reelección tamén quixo lembrar que “xa demostramos nos momentos máis difíciles destes catros anos que sabemos estar ao lado da xente e que a pesar dos transfuguismos e dunha oposición destrutiva, sempre actuamos e pensamos en positivo, buscando o ben común e priorizando sempre unha cousa, Muxía”.

En Carballo

O auditorio do segundo andar do Pazo da Cultura de Carballo tamén acolleu no mediodía deste sábado a presentación de María Carmen Vila Blanco como candidata do PSOE á alcaldía de Carballo nas vindeiras eleccións municipais do mes de maio. Acompañada de Pilar Cancela, secretaria de Estado de Cooperación Internacional, e Bernardo Fernández Piñeiro, secretario provincial do partido. Vila subliñou que os socialistas teñen proxecto, ganas e ilusión de participar no Goberno local.

O programa electoral socialista recolle accións como a humanización da contorna do Pavillón da Grela na Ponte Rosende, a apertura dunha liña directa para a aportación de ideas por parte da veciñanza, a creación de novas zonas verdes, ou a colocación de balizas polo casco urbano para facelo máis accesible aos residentes con discapacidade visual.

“Temos ánimo, temos forza, temos ganas de traballar en favor dos nosos veciños e veciñas pero sobre todo temos ambición para Carballo”, afirmou María Carmen Vila Blanco, quen concluíu: “Queremos un Carballo para todos e todas”.

Momento da presentación de María Carmen Vila, segunda pola esquerda.