Quintana visita este sábado 15 de abril Muxía para presentar a lista electoral do Partido Popular e Toba considera “un momento idóneo para aproveitar a visita da conselleira do Mar e intentar solucionar o serio problema que están a sufrir os percebeiros e que o grupo de Goberno considera prioritario”.
Así, o alcalde ofrécese a ser intermediario xa que considera que “a intención da conselleira é a de resolver o problema e a dos percebeiros é simplemente que se respete o acordo que había nun principio, onde as zonas protexidas se sigan protexendo”.
“Podemos aproveitar a visita da conselleira á nosa vila para facer un encontro e alcanzar un acordo que beneficie a todas as partes. Aínda que o sector percebeiro se manisfestase estos días en Santiago, este equipo de Goberno sempre ten a man tendida para chegar a calquera acordo e compromiso que beneficie a Muxía e ás súas xentes”, destacou Toba.
Para rematar, o alcalde puxo sobre a mesa que “xa que a candidata do Partido Popular de Muxía, Sandra Vilela, simplemente ten interese en defender á Xunta para manterse no seu posto dentro do seu partido, este goberno si que vai loitar por defender os intereses da nosa veciñanza e dun sector moi maltratado e fundamental que está a pasar por unha situación moi complicada”, concluíu Toba.