A Xunta identificou 10 novas actuacións para avanzar no saneamento da ría de Pontevedra con 15 millóns de euros de investimento e pediu a colaboración dos concellos para facilitar a execución das obras. Entre as obras identificadas como necesarias, destacan as planificadas na contorna do río Lameira, en Marín; o bombeo de Cocheras ou a estrutura de regulación do Burgo, en Pontevedra; ou o novo tanque de tormentas e bombeo na Seca, en Poio.
As conselleiras de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e do Mar, Rosa Quintana, coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, mantiveron unha reunión por videoconferencia da Mesa de saneamento da ría de Pontevedra, na que participaron os concellos de Pontevedra, Marín e Poio e do sector do mar.
Nesa xuntanza, a Xunta presentoulle aos representantes municipais e dos profesionais do mar o resultado do proceso de elaboración do Plan de saneamento local da ría de Pontevedra, que xa está concluído e constitúe a ferramenta máis eficaz para coñecer en profundidade os impactos aos que está sometida a ría e pór en práctica as actuacións máis axeitadas para mellorar a calidade das augas.