- Os integrantes da comisión de seguimento do COVID-19 reuníronse por primeira vez este venres por videoconferencia
O Concello de Camariñas fixo públicos este venres os datos en relación ás actuacións específicas das forzas de seguridade no municipio. Desde o 16 e ata o 18 de marzo, na localidade foron identificadas 21 persoas, interceptáronse 4 vehículos e unha persoa foi sancionada por incumprir as medidas decretadas polo Estado de Alarma no país.
Estes datos tratáronse na comisión municipal de seguimento para avaliar a evolución do Coronavirus e o cumprimento das normas impostas polo goberno en Camariñas. Este venres celebrouse ademais a primeira reunión da comisión por videoconferencia.
Esta comisión está formada pola alcaldesa, Sandra Ínsua; o primeiro tenente de alcalde, Sergio Caamaño; a concelleira de Cultura, Encaixe e Turismo, Encarna Liñeiro; a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Begoña Tajes; e o responsable de Protección Civil, Luis Carreira.
Ademais, informouse e analizáronse tamén as diferentes actuacións que se están a levar a cabo nesta situación de crise sanitaria como o fumigado dos espazos e mobiliario públicos; o reparto de material de protección como mascarillas, luvas e batas entre as auxiliares do SAF; o método de teletraballo e atención telefónica ao público que están a realizar os traballadores do Concello; e a actualización das novas a través das redes sociais e da aplicación de avisos.
Tamén se deu coñecemento á comisión de seguimento que, a día de hoxe, non hai ningún infectado en Camariñas.
Protocolo de Servizos Sociais
Aprobouse por unanimidade o último punto da orde do día: o estudo do protocolo de atención psico-social de urxencia e emerxencia ante o Estado de Alarma polo COVID-19. Este documento, redactado pola traballadora social municipal, ten o obxectivo de establecer os mecanismos para poder atender ás necesidades psicosociais das persoas do Concello de Camariñas máis vulnerables que se vexan afectadas por esta situación excepcional.
