Identificado un veciño de Biscaia polo aviso de bomba nun avión con destino A Coruña

1 minutes read

A Garda Civil investiga un veciño de Alonsotegi, en Biscaia, por un aviso de bomba nun avión que viña cara Galicia. Aconteceu o 19 de novembro, pero ata este sábado non se coñeceu o resultado das investigacións do instituto armado. Ese día de novembro puxérase en marcha un dispositivo de emerxencia no aeroporto da Coruña no que participaron máis de 50 axentes da Garda Civil, ata que se comprobou que ningún viaxeiro portaba unha bomba na súa equipaxe. O home identificado foi quen supostamente afirmou en novembro que unha persoa que viaxaba a bordo dun avión que saíu de Bilbao para aterrar na Coruña levaba un artefacto explosivo. O seu aviso orixinou a paralización de Alvedro e activar un protocolo especial. A Garda Civil informa que a investigación concluíu que o motivo da acción foi «a mala relación existente» coa persoa á que denunciou como portadora da bomba.