Este sábado tivo lugar a identificación dos nove corpos recuperados do Villa de Pitanxo tras o naufraxio en augas a 460 quilómetros do Canadá, en Terra Nova. Outros doce corpos dos seus compañeiros de tripulación permanecen aínda desaparecidos en augas internacionais.
Dous dos corpos chegaron a terra canadense o venres a bordo do barco Nexus, que atracou en San Xoán. Case 24 horas despois, arribaba a porto en Terra Nova o pesqueiro galego Playa de Menduíña 2, cos tres sobreviventes da traxedia a bordo, así como os outros sete cadáveres rescatados polo momento. Agárdase que nos próximos días cheguen a España no avión A-400 do Exército do Aire que freta este domingo o executivo español.
O embaixador de España no Canadá recibirá canda as autoridades consulares españolas a aeronave en Terra Nova. A Delegación do Goberno en Galicia confirmaba pasadas as seis da tarde deste sábado que rematou a identificación dos nove falecidos:
Fernando Santomé Ferradas, o cociñeiro do arrastreiro conxelador, veciño de Bueu; Miguel Lumbres Cumpa, mariñeiro peruano residente en Cambados que relevou un positivo por covid; Rogelio Franco Damazo, orixinario do Perú que vivía en Pontevedra e axudante de cociña no barco.
Tamén identificados Juan Antonio Cordero Coro, o segundo patrón, de Lepe en Huelva, ao que lle quedaba só un mes para xubilarse; William Arévalo, mariñeiro procedente do Perú e Ricardo Alfonso Cruz Flores, o engraxador do buque.
Ademais o mariñeiro Apaanah Pelungo Zure, residente en Pamplona e que participaba por primeira vez na pesca do fletán en Terra Nova. Por úlitmo os peruanos residentes en Cangas Daniel More Valladares e Diego More Vega, sobriño de Daniel.
A Delegación do Goberno en Galicia, en nome do Goberno de España, agradeceu o «excelente traballo e compromiso» das autoridades canadenses e do consulado, e a colaboración e coordinación coa casa armadora, o Grupo Nores. Jose Miñones, delegado do Goberno, reiterou o seu «total apoio e pesar» ás familias dos desaparecidos e falecidos polos que o Goberno decretou loito oficial o luns 21 de febreiro.