O Instituto Navarro da Memoria logrou unha nova identificación, a de Vicente Mejuto Leis, que foi un dos catro presos fuxidos asasinados nas saias do monte Ezkaba, nunha zona próxima á localidade de Berriozar coñecida como a Esparceta. Trátase do quinto fuxido identificado e o primeiro dos 55 galegos asasinados durante a fuga do penal franquista do Forte de San Cristóbal o 22 de maio de 1938.
Vicente Mejuto Leis naceu o 24 de xaneiro de 1913 en Cee. Estaba solteiro e era chofer. Foi detido xunto ao seu irmán Teófilo e outros sindicalistas da comarca, que foron condenados á morte e asasinados. Vicente foi procesado e xulgado por rebelión militar e condenado a 12 anos e un día de prisión. O 17 de xuño de 1937 foi trasladado desde a Prisión Provincial da Coruña ao penal do Forte de San Cristóbal, no monte Ezkaba, onde permaneceu encerrado ata o día da fuga.
As identificacións só se poden levar a cabo se se conta con mostras xenéticas achegadas por familiares. Para contactar con eles é fundamental o traballo das asociacións. Neste caso, un familiar de Vicente Mejuto contactou con Txinparta-Forte de San Cristóbal, que á súa vez o puxo en coñecemento do Instituto Navarro da Memoria, quen confía en que esta identificación estimule novos contactos para seguir avanzando neste complexo proceso.