Idoia Cuesta (San Sebastián, 1969) afincada en Outeiro de Rei, impartirá nas instalacións de Aspaber o próximo luns 14 de marzo en horario de 10.00 a 13.30 horas e de 14.30 a 16.30 horas un obradoiro de cestería.
O traballo de Idoia baséase na fusión da cestería co téxtil e a versatilidade da peza resultante, a través da combinación de materiais orgánicos con diferentes técnicas artesanais. Ao longo destas décadas traballou con profesionais de moi diversas orixes, culturas, experiencias e coñecementos que lle abriron a mente con novas visións sobre a arte, o deseño, a arquitectura, a moda e a artesanía contemporáneas.
O obradoiro que se impartirá en Carballo é froito da sinerxia entre o pequeno comercio, unha entidade social moi arraigada na capital de Bergantiños como é Aspaber e unha artista de recoñecido prestixio e que non dubidou un momento en aceptar a proposta chegada da man de ZOCAS e que un ano máis permitirá que a súa clientela conte cunha peza que aporte ós seus agasallos de Pascua un valor engadido indiscutible.