A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantivo un encontro co presidente da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami), Anxo Queiruga, no que ambas as dúas institucións acadaron o compromiso de reforzar a súa colaboración nun momento de especial dificultade para que as persoas con discapacidade accedan ao mercado laboral.
Incidir no emprego inclusivo e en condicións de igualdade son as dúas ideas que, a criterio da conselleira, deben marcar a colaboración futura con Cogami. Apoiar a plena inclusión destas persoas é unha prioridade nas actuacións do Goberno galego, removendo os obstáculos que dificulten acadala.
A xuntanza, enmarcada na rolda de contactos que a conselleira mantén coas principais entidades do terceiro sector de Galicia, permitiu afianzar o compromiso que a Xunta mantén con Cogami desde hai anos. Na última década destináronse máis de 20 millóns de euros a axudar ao mantemento do custo salarial dos centros especiais de emprego, que, a xuízo da conselleira, son pedra angular da economía social.
Lorenzana enxalzou a actividade que desenvolve Cogami, confederación coa que a Consellería mantén diferentes programas de actuación nas áreas de inclusión e formación para o emprego, entre as que se inclúen apoios a entidades de iniciativa social ou a actividades para o empoderamento das mulleres con discapacidade; ao tempo que se promove a contratación de persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión social.
A este respecto, a conselleira reiterou o compromiso da Xunta para ir avanzando cara a unha sociedade na que ter capacidades diferentes non implique ter menos oportunidades.